Novas

SERÁ PRESENTADO MAÑÁ NA DIRECCIÓN XERAL PARA O DEPORTE

O Xacobeo Galicia ficha ao ex campión do Mundo de tríatlon Iván Raña

[ 03/12/2008 ] O Xacobeo Galicia ficha ao ex campión do mundo de tríatlon Iván Raña para o 2009. O deportista de Ordes (A Coruña), de 29 anos de idade, coñeceu os maiores triunfos deportivos na modalidade de tritatlón.

  • Quinto adestramento colectivo: rodando baixo a chuvia
  • Ivan Raña e Ezequiel Mosquera

    Ivan Raña e Ezequiel Mosquera

    Iván Raña é, por orde de contratación, o décimo noveno ciclista no cadro do Xacobeo Galicia para a tempada 2009, e a cuarta novidade nunha formación na que repiten quince corredores do 2008: Ezequiel Mosquera, David García, David Herrero, Gustavo C. Veloso, Carlos Castaño, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal, Juan Mourón, Eduard Vorganov, Iban Mayoz, Alejandro Paleo, Alberto Fernández e Vladimir Isaychev; e que coñeceu catro novas fichaxes: Pedro Fernández, Marcos García e Héctor Espasandín; ademais do triatleta de Ordes.

    O triatleta será presentado mañá ás 11.00 horas na Dirección Xeral para o Deporte (Estadio Multiusos de San Lázaro - Santiago de Compostela) pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o manager-director do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino.

    Quinto adestramento colectivo: rodando baixo a chuvia
    A choiva perseguiu aos ciclistas na quinta xornada de adestramentos colectivos. Iso foi na segunda parte da sesión, celebrada na estrada, porque a primeira discorreu no ximnasio. Durante este traballo no interior tamén se someteron ao estudo de tensomiografía aqueles ciclistas que non tiveran tempo de facelo, ou estiveran ausentes, o mércores anterior: Ezequiel Mosquera, Gustavo C. Veloso e Gonzalo Rabuñal, que onte (martes) saíra por vez primeira en bicicleta á estrada.

    "As sensacións foron moi boas, aínda que de momento díxome o médico que non force, que só pasee. En bicicleta estática levo xa máis tempo exercitándome", comentou Rabuñal, que comproba como as fracturas de clavícula e cóbado comezan a ser superadas.

    As probas tensomiográficas diríxeas Óscar García, vicedecano da facultade de Ciencias do Deporte e da Educación, auxiliado polos licenciados en INEF Roberto M. Trigo e Guillermo R. Carballido, este último preparador físico do Xacobeo Galicia.

    Na segunda parte do adestramento os ciclistas pedalearon durante tres horas, seguidos polo directores deportivos José Ángel Vidal e Jesús Blanco. A intres chovía e o día, en xeral, non invitaba a saír en bicicleta; por iso cando vimos o bo ritmo a que rodou o grupo durante todo o percorrido non puidemos evitar pensar que era unha desas xornadas que os ciclistas din que valen por dúas: polo que un adestra e polo que deixa de facelo o rival.

    Para mañá xoves está previsto que cheguen Eduard Vorganov e Vladimir Isaychev, para cubrir a partir da próxima semana o percorrido polo Camiño de Santiago co resto do equipo. Sen dúbida, unha bela e enriquecedora experiencia. Tanto que, por momentos, non podemos evitar pensar se con ela non estaremos dando o primeiro paso cara ao corazón do Territorio Galio, aínda que tampouco hai indicios claros.


    Imprimir Enviar


    © Fundación Ciclismo Galego

    Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

    RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?