Novas
DECLARACIÓNS DO MANAGER-DIRECTOR DEPORTIVO
Álvaro Pino: "O Xacobeo Galicia debe facer na Clásica de San Sebastián un test de máxima intensidade"
[ 30/07/2010 ] Álvaro Pino estará á fronte do Xacobeo Galicia na carreira donostiarra, porque quere pulsar en directo o estado de forma dos seus corredores:
"Cada ciclista do equipo que tome mañá a saída tense que expor a Clásica de San Sebastián como un test de máxima intensidade, polo prestixio da carreira e porque quero facer unha primeira valoración seria sobre o equipo para a Volta a España, dado que este ano estou tendo máis dubidas que ningún outro para confeccionar o ‘nove’ definitivo", declarou o manager-director deportivo do Xacobeo Galicia.

Álvaro Pino e ciclistas
"As cousas poderán saírnos despois mellor ou peor, pero a Clásica de San Sebastián ofrécenos unha excelente ocasión para ver a condición física de cada ciclista, porque ten unha participación de luxo e este ano presenta, ademais, un percorrido moito máis selectivo na parte final. Ezequiel Mosquera terá que facer o seu test particular, pero tamén quero ver o rendemento dos demais, para acabar de sacar as conclusións definitivas na Volta a Burgos e na Volta a Portugal", seguiu dicindo.
"Os ciclistas que disputaron o Tour parten cunha lixeira vantaxe en San Sebastián, pero nós non podemos escudarnos niso, porque vimos de correr tamén a Volta a Madrid e a Clásica de Ordizia", engadiu finalmente, desterrando escusas.