Novas
GRAN ACTUACIÓN DO XACOBEO GALICIA NO ARRANQUE DA VOLTA A MADRID
Ezequiel Mosquera, pletórico, gaña a batalla dos escaladores na contrarreloxo inicial
[ 17/07/2010 ] O ciclista do Xacobeo Ezequiel Mosquera certificou un excelente cuarto posto na contrarreloxo inicial da XXIV Volta a Madrid, que o sitúa á fronte dos escaladores de cara ás dúas xornadas restantes da rolda madrileña. Unha actuación que sorprendía a todos, incluído ao propio corredor, que declarou estar "sentíndome ben nos adestramentos, pero o tempo logrado hoxe supera as expectativas iniciais", aínda que doutra banda confesaba que acabara a crono coa sensación "ter regulado demasiado no repeito que ofrecía o percorrido".

Ezequiel Mosquera
Nos 8,1 quilómetros do traxecto da etapa inaugural na Casa de Campo da capital de España, Mosquera estableceu un rexistro de 10-53, igualado o tempo marcado na terceira posición polo madrileño Jesús Do Nero (Luolé), e empregando un segundo máis que Oleg Chuzhda (Caja Rural).
O gran vencedor foi especialista sueco Gustav Larsson. O ciclista do Saxo Bank correu "fóra de concurso" e mellorou en 11 segundos o tempo de Chuzhda e en 12 o de Ezequiel Mosquera.
Con todo, o ciclista do Xacobeo Galicia quedou magnificamente situado para "a súa volta", que comeza esta mesma tarde con un segundo sector na localidade de Coslada, sobre catro voltas a un circuíto, que inclúe un porto de terceira categoría en cada xiro, para completar 84,8 quilómetros. A saída está prevista para as 17,15 horas.
Pero as súas grandes esperanzas de Ezequiel Mosquera están depositadas na terceira e última etapa, a disputar o domingo sobre 132 quilómetros, con final no alto da Morcuera.
Gran actuación por equipos
A gran actuación do Xacobeo Galicia non cabe personalizar exclusivamente en Ezequiel Mosquera, porque o equipo tivo un gran rendemento tamén no plano colectivo. Boa mostra diso é que catro corredores acabaron a contrarreloxo entre os once primeiros: Isaychev, oitavo; De Segovia, décimo e David García, undécimo. E entre os corenta e dous primeiros clasificábanse todos os integrantes do da formación galega.
Na clasificación por equipos, só o Saxo Bank puido mellorar a gran actuación do Xacobeo Galicia, segundo clasificado; e todo porque no equipo danés, como quedou dito, Larsson estivo a outro nivel. A actitude e a ambición dos corredores dirixidos por Álvaro Pino levounos a esa posición de privilexio, porque as pernas non poden aínda, dado que se atopan no arranque da fase de preparación para a Volta a España.